Friday 10 de May de 2024

A Xunta cede equipamento de emerxencias ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Carnota, A Pobra, Lousame e Rianxo


O DOG publica hoxe a resolución das axudas para dotar aos municipios de menos de 50.000 habitantes de vehículos pick-up, remolques para emerxencias e tendas de campaña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Este material distribúese en tres liñas de axuda: unha de vehículos todo terreo tipo pick-up, outra de remolques para a atención ás emerxencias e unha terceira para adquirir tendas de campaña de emerxencias. Na área do Barbanza, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia cederá un vehículo para Protección Civil de Carnota, mentres que dous remolque serán para as agrupacións de A Pobra do Caramiñal e Lousame unha tenda de campaña para os voluntarios de Rianxo.

A nivel Galego, esta orde de axudas permitirá mellorar os medios dos que dispoñen as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en 66 concellos. A adquisición do equipamento é en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe supera o millón de euros.

As entidades beneficiarias ás que se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción a comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. Se algún dos beneficiarios renuncia redistribuirase o equipamento non adxudicado en base á lista de reserva integrada por todos os solicitantes admitidos segundo a puntuación de cada entidade.

O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión dos vehículos todo terreo tipo pick-up e dos remolques para a atención de emerxencias será de tres meses. No caso das tendas de campaña, a cesión quedará condicionada á finalización do novo expediente de contratación.